Saturday 04 de May de 2024

O IDAE mantén a débede de máis de 900.000 euros co concello polos proxectos de mellora da eficiencia enerxética


Nin esta cuestión nin os proxectos de ampliación da banda larga de internet foron tratados na reunión de onte cos membros do goberno municipal.

O Concello da Laracha lembra que o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), dependente do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, aínda non liberou ningún pagamento das axudas concedidas no ano 2017 para a execución dos proxectos de mellora de eficiencia enerxética. As actuacións, consistentes no cambio de luminarias por outras con tecnoloxía LED nos núcleos urbanos, núcleos rurais, parque empresarial, instalacións e edificios municipais, concluíronse hai agora ano e medio.

O orzamento total dos cinco proxectos superou os 1,2 millóns de euros, dos cales o IDAE financiaría o 80 % (905.784,06 euros) e, con fondos municipais, o 20 % restante (226.000 euros). O acordo establecía que o Concello debía facer fronte a todos os pagos, como así fixo, e que posteriormente o IDAE liberaría as axudas, cousa que non se produciu ata o momento.

Esta circunstancia implicou consecuencias relevantes no resultado orzamentario municipal do exercicio pasado, xa que o peche das contas arroxou un menor remanente de tesourería e o Concello non pode dispoñer agora deses fondos para acometer obras e prestar novos servizos de interese xeral para a cidadanía. Cabe sinalar que a cantidade que o IDAE debe ao Concello supón o 10,5 % do total do orzamento municipal de 2022.

O Concello fai esta puntualización ante as declaracións da subdelegada do Goberno na Coruña trala Xunta Local de Seguridade celebrada onte, nas que manifestou que o IDAE xa achegou a súa parte do financiamento de ditos proxectos. Os membros do goberno local que acompañaron á subdelegada do Goberno durante a mañá de onte na Laracha -o alcalde, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito- non aclararon esta cuestión directamente con María Rivas porque non se abordou este tema en ningún momento, nin durante a propia Xunta Local de Seguridade nin na visita ao posto da Garda Civil. Si se fixera en decembro de 2021, na anterior visita da subdelegada do Goberno á Laracha, na que se lle expuxera o problema e se lle solicitara a súa mediación para resolvelo, sen haber novidades ao respecto a día de hoxe.

Ademais, o goberno municipal non ten coñecemento dos trece proxectos na Laracha enmarcados no Programa Único-Banda Ancha que tamén foron anunciados desde a Subdelegación de Goberno. Sen embargo, no Concello estanse a recibir a diario consultas e queixas da cidadanía relativas á cobertura da banda larga de internet tanto en núcleos urbanos como rurais, cuestión de interese xeral que non é de competencia municipal e que tampouco se tratou na reunión de onte.